Cookies

Novas

Augas de Ames aproba as súas primeiras contas anuais cun beneficio de 43.172,65 €

A xerente de Augas de Ames EPEL, Gemma Otero, amosou a súa satisfacción por presentar un exercicio con beneficios, tendo en conta que no primeiro ano de funcionamento a entidade tivo que asumir custos extraordinarios de posta en marcha.

Pola súa banda, o alcalde de Ames e presidente da entidade, Blas García, destacou que “o reinvestimento dos beneficios xerados polo ciclo integral da auga en obras e infraestruturas vitais para a veciñanza de Ames xustifica todo o esforzo realizado para crear a empresa”.

06/08/2025

Augas de Ames aproba as súas primeiras contas anuais cun beneficio de 43.172,65 €

A xerente de Augas de Ames (EPEL), Gemma Otero, amosou a súa satisfacción por presentar un exercicio con beneficios, tendo en conta que no primeiro ano de funcionamento a entidade tivo que asumir custos extraordinarios de posta en marcha.

Pola súa banda, o alcalde de Ames e presidente da entidade, Blas García, destacou que “o reinvestimento dos beneficios xerados polo ciclo integral da auga en obras e infraestruturas vitais para a veciñanza de Ames xustifica todo o esforzo realizado para crear a empresa”.

Aprobación das contas anuais de 2024

O pasado mércores, 16 de xullo de 2025, celebrouse a sesión extraordinaria nº 12 do Consello de Administración de Augas de Ames (EPEL), na que se aprobaron as contas anuais correspondentes ao ano 2024, así como os acordos alcanzados na Mesa Xeral de Negociación (MXN) celebrada o 16 de xuño de 2025.

As contas anuais incluían o balance de situación, a conta de perdas e ganancias, a memoria anual 2024 e a acta de arqueo a 31/12/2024, cun resultado positivo de 43.172,65 €.

Aprobación dos acordos da Mesa Xeral de Negociación

No transcurso da mesma sesión aprobouse a Oferta de Emprego Público (OEP) para 2025, previamente negociada na MXN, que inclúe dúas vacantes:

  • Oficial de 1ª de servizos (Grupo 2, Nivel A), a cubrir por acceso libre.
  • Encargado/a (Grupo 3, Nivel A), a cubrir por promoción interna.

Ambas contratacións realizaranse como persoal laboral indefinido, segundo o convenio colectivo de aplicación. Ademais, na MXN do 16 de xuño de 2025 acordouse iniciar a negociación dun novo convenio colectivo propio de Augas de Ames EPEL.

Así mesmo, aprobouse a convocatoria e bases para a creación dunha bolsa de emprego temporal de persoal oficial de 2ª de servizos, destinada a substitucións e cobertura de baixas ou vacacións. Unha vez rematado o proceso selectivo, as persoas admitidas quedarán nunha lista de garda para futuras contratacións temporais.

Tranquilidade e satisfacción pola marcha da empresa

A xerente, Gemma Otero, salientou que “seguimos avanzando e consolidando o proxecto de Augas de Ames EPEL. É prioritario prestar os servizos con garantías e calidade, por iso levamos á MXN a aprobación da OEP de 2025 e a convocatoria da bolsa de emprego de oficial de 2ª. Estamos satisfeitos de presentar unhas primeiras contas anuais cun beneficio de 43.172,65 €, máis aínda ao tratarse do primeiro ano de funcionamento, no que se asumiron importantes custos de implantación e posta en marcha”.

Pola súa parte, o alcalde e presidente da entidade, Blas García, manifestou a súa satisfacción porque a empresa pública Augas de Ames ofreza xa resultados positivos e melloras na prestación do servizo “dende o mesmo momento da súa creación”. Engadiu que “o reinvestimento dos beneficios xerados polo ciclo integral da auga en obras e infraestruturas vitais para a veciñanza de Ames xustifica todo o traballo realizado para crear a empresa. Hoxe está todo moi recente, pero cando o vexamos en perspectiva, todas as persoas implicadas no nacemento desta entidade pública sentímonos orgullosas do conseguido”.

Arquivada en:

MATERIAIS RELACIONADOS