Quen somos?
Qué é a ENTIDADE PÚBLICA EMPRESARIAL LOCAL AUGAS DE AMES EPEL?
A entidade pública empresarial Augas de Ames EPEL é un ente público con capital 100% municipal adscrita á Concellería de Servizos Básicos, que leva a xestión directa do servizo Ciclo Integral da Auga (CIA) no Concello de Ames, concello cunha extensión de 94 Km2 no que se asentan 116 entidade de poboación, 11 parroquias (Agrón, Ameixenda, Ames, Biduído, Bugallido, Covas, Lens, Ortoño, Piñeiro, Tapia e Trasmonte) e 2 principais núcleos urbanos Milladoiro e Bertamiráns.
Comezou o seu funcionamento o 1 de abril de 2024 municipalizándose o servizo de augas e asumindo a través desta nova entidade pública a prestación efectiva dos servizos que conforman o CIA no noso Concello.
Cal é o noso compromiso?
> Garantir que se abasteza a toda a poboación de Ames de auga de alta calidade a prezos aceptables socialmente, reducindo ao mínimo os efectos das augas residuais prexudiciais no medio ambiente.
> Tamén a xestión directa dos servizos públicos que conforman o Ciclo Integral da Auga de cantos municipios conveñen os servizos con Augas de Ames EPEL, co fin de garantir o abastecemento de auga a tódalas poboacións asinantes do convenio.
> Promover un consumo responsable deste recurso básico e esencial a través de diversas actuacións, charlas divulgativas, faladoiros, obradoiros, visitas guiadas, campañas de sensibilización etc.
“Coidando da auga, coidamos de ti“
Que comprende o Ciclo Integral da Auga?
O Ciclo integral da auga é o proceso que describe o percorrido completo da auga desde a súa captación na natureza ata que se devolve ao medio despois da súa utilización.
Este ciclo inclúe a captación, o tratamento, o almacenamento, a distribución, o saneamento e a depuración.
Etapas do Ciclo integral do auga:
1. Captación:
A auga extráese de fontes naturais tales como ríos, lagos, acuíferos, pozos.
2. Tratamento:
A auga bruta sométese a procesos de potabilidade para eliminar contaminantes e asegurar a súa calidade para o consumo humano.
3. Almacenamento:
A auga tratada almacénase en depósitos e embalses para garantir o subministro continuo.
4. Distribución:
A rede de distribución leva a auga tratada aos fogares, comercios, industria e outros usuarios/as.
5. Saneamento:
A auga residual dos fogares, comercios e empresas é recollida a través das redes de sumidoiros.
6. Depuración
A auga residual trátase en estacións de depuracións (EDARs) para eliminar contaminantes e devolvela ao medio ou reutilizala.
Beneficios do ciclo integral da auga:
Garante o subministro dun ben básico esencial para a nosa supervivencia a través do acceso a auga limpa e segura apta para o consumo. Tamén garante a supervivencia das nosas especies, do noso medio e en definitiva do noso planeta.
> Saúde pública:
Evita a propagación de enfermidades transmitidas pola auga contaminada.
> Saneamento e depuración:
Reduce a contaminación dos ríos, lagos, pozos, protexendo a saúde e o noso medio.
> Reutilización da auga:
Permite a reutilización da auga depurada para rega, actividades industriais e outros usos non potables.
En resumo, o Ciclo integral da auga é un proceso fundamental para a xestión dun recurso imprescindible e indispensable para a nosa supervivencia e a do noso medio , que garante o subministro de auga potable, protexe a saúde pública e o noso medio, e permite a reutilización da auga para diversos fins. E por iso temos que coidar este recurso escaso e facer un uso e consumo responsable do mesmo.
Como promover un uso responsable e eficiente da auga?
1.- Pecha a billa e non a abras ao máximo
Ao realizar actividades como lavarse os dentes, afeitarse, lavarse o cabelo ou enxaboarse, evita deixar correr a auga cando non o estás utilizando.
Lavar os dentes coa billa aberta significa a perda de 5 a 15 litros por minuto. É mellor se utilizamos un vaso para o enxaugue e limpar o noso cepillo.
Non abras a billa ao máximo, pois na maioría das situacións non é precisa tanta cantidade de auga e vai directa ao sumidoiro.
Asegúrate de pechar ben a billa unha vez usada. Unha pinga de auga por segundo supón 30 litros ao dia.
2.- Dúchate rapidamente
Dúchate en lugar de tomar un baño, aforrarás arredor de 150 litros en cada ducha.
Mantén a túa ducha diaria por debaixo dos 5 minutos. Aforrarás ata 3.500 litros ao mes.
Recolle nun caldeiro a auga da ducha e úsaa para o inodoro, fregar o chan, regar as plantas, etc.
No caso de tomar un baño, pon o tapón antes de abrir a billa e vai axustando a temperatura da auga mentres enches a bañeira.
Non uses o inodoro como papeleira. Evita tirar da cisterna si podes colocar unha unha papeleira no cuarto de baño para gardar o lixo.
Non tires toallas húmidas, tampóns, e outros obxectos ao WC. Isto dificulta as tarefas de depuración e atasca as redes ocasionando grandes avarías.
Instala inodoros con dous tipos de descarga, con dobre pulsador para facer descargas parciais.
3.- Recicla a auga
Por exemplo, podemos utilizar a auga coa que se lavan as froitas e verduras para regar as plantas e o xardín, usando un bol. Outra forma de reciclar é usar a auga xerada no lavado de roupa para fregar os pisos ou encher a cisterna do baño. Ademais, se tes mascotas, aproveita bañalos en lugares onde se necesite rega.
4.- Ten coidado coas fugas de auga
Unha billa goteando pode supoñer ata 40 litros de auga ao día. Recoméndase revisar cada certo tempo os canos e as cisternas do inodoro para arranxar calquera fuga.
5.- Usa eficientemente os electrodomésticos
Algúns electrodomésticos poden gastar grandes cantidades de auga cando non son utilizados de forma eficaz. Por iso, recoméndase encher por completo os lavalouzas, as lavadoras e secadoras de roupa, e de preferencia, optar por aquelas que son máis eficientes enerxéticamente e que teñan programas axeitados que reducen o consumo de auga.
Este hábito pode aforrar de 2.500 a 2.800 litros cada mes e contribuír ao coidado do medio ambiente.
Emprega deterxentes ecolóxicos que non teñan fosfatos, pois axuda a manter o equilibrio bacteriano das depuradoras e garante unha mellor calidade da auga.
6.- Lavado de roupa
Unha lavadora media (7Kg) utiliza de 42 a 62 litros de auga. Cando sexa momento de utilizar a lavadora asegúrache de ter a cantidade de roupa sucia suficiente para que valla a pena a auga que vas usar. Se só vas lavar algunhas pezas, é mellor esperar.
7.- Recolección de auga
No caso de que teñas teito ou patio e vivas nun lugar onde chove bastante, podes recoller auga e almacenala en tanques con tapa, para posteriormente usala no regado das plantas, limpeza de ferramentas e apeiros de labranza e outros fins domésticos.
8.- Lavado de vehículos
Os vehículos como motos, automóbiles non deben ser lavados dentro dos ríos, ou mananciais pois contaminan a auga que será utilizada por outras persoas. Ademais, se realizas esa mala práctica estarás a destruír tamén as especies que habitan nestes lugares.
Sen lugar a dúbida, a auga é o elemento máis importante para a vida e o funcionamento do planeta. Depende de todas e todos valorar este recurso vital para aprender a coidala, xestionala e compartila. Con pequenos cambios nos hábitos de uso da auga, lograremos un gran impacto a favor do noso planeta, o que repercutirá no noso benestar e na nosa saúde.
Porque…
“Coidando da auga, coidamos de ti“



