Novas
Coidando da auga, coidamos de ti
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu o pasado 8 de abril a presentación do slogan que vai acompañar ao logotipo de Augas de Ames EPEL nesta nova etapa do ciclo integral da auga do Concello de Ames, toda vez que se fixo unha grande aposta pola municipalización deste servizo. O alcalde de Ames e presidente da entidade pública, Blas García, fixo unha valoración sobre este primeiro ano de funcionamento da EPEL, destacando os 340.000 euros de investimento en obras e melloras.
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu o pasado 8 de abril a presentación do slogan que vai acompañar ao logotipo de Augas de Ames EPEL nesta nova etapa do ciclo integral da auga do Concello de Ames, toda vez que se fixo unha grande aposta pola municipalización deste servizo. O alcalde de Ames e presidente da entidade pública, Blas García, fixo unha valoración sobre este primeiro ano de funcionamento da EPEL, destacando os 340.000 euros de investimento en obras e melloras.
11/04/2025
Coidando da auga, coidamos de ti
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu o pasado 8 de abril a presentación do novo slogan que acompañará ao logotipo de Augas de Ames EPEL, coincidindo cunha etapa de forte aposta pola municipalización do ciclo integral da auga en Ames.
O alcalde e presidente da entidade, Blas García, aproveitou o acto para facer balance deste primeiro ano de funcionamento, no que se investiron 340.000 euros en obras e melloras.
O lema “Coidando da auga, coidamos de ti” foi presentado nun acto no que participaron, ademais de Blas García, Gustavo Nieto (concelleiro de Obras e Servizos Básicos e membro do Consello de Administración), Gemma Otero (xerente da entidade), Ramón Cordido (representante da empresa La Rayuela e deseñador do slogan e da imaxe corporativa) e tres persoas do persoal do servizo.
Durante a presentación, Ramón Cordido explicou o proceso creativo: “Pedíusenos unha frase que promovese a sensibilización e o consumo responsable da auga, combinando a idea de auga e saúde. Así xurdiu ‘Coidando da auga, coidamos de ti’, unha mensaxe sinxela, con sonoridade e que implica á veciñanza como parte dunha comunidade. A tipografía escollida, tipo script, humaniza e achega personalidade á imaxe corporativa”.
Investimentos nas redes de abastecemento e saneamento
A xerente, Gemma Otero, destacou a aposta pola creación dunha empresa pública que xestiona un servizo esencial como o ciclo integral da auga: “Ames é pioneiro en Galicia na municipalización a través dunha entidade pública empresarial local. O balance deste primeiro ano é positivo, con preto de 340.000 euros investidos, tanto en abastecemento e saneamento como en medios para a operativa do servizo. O slogan presentado reflicte á perfección o noso compromiso co coidado dun ben básico e imprescindible para a vida”.
Dentro dos investimentos en redes de abastecemento e saneamento, cómpre destacar os 151.788,29 € destinados a 10 actuacións, entre elas: instalación de tubaxes de fecais e pluviais na avenida Poeta da Maía (47.976,50 €), reparación de cruce transversal en Piñeiro (4.060,52 €), reforma do local de oficinas no Milladoiro (13.255,37 €), acometidas en Costoia e Portanxil, execución de rede pluvial en Ventosa (15.216,05 €), actuación na N-550 no Milladoiro (21.000 €), e acometidas de abastecemento e saneamento (30.000 € en total).
Para o funcionamento operativo investíronse outros 148.811,33 €, destinados á adquisición de materiais de reparación, compra de sete vehículos e ferramentas de segunda man, renovación de instalacións técnicas en Pegariños, materiais para a EDAR de Bertamiráns, Sisalde e O Milladoiro, entre outros. Tamén se investiron 37.665,01 € en oficinas e espazos administrativos.
En total, no primeiro ano de funcionamento realizouse un investimento global de 338.264,63 €.
Augas de Ames EPEL: un ano camiñando xuntas e xuntos
O presidente da entidade e alcalde, Blas García, salientou: “Este primeiro aniversario é unha boa ocasión para facer balance. Augas de Ames comezou a funcionar o 1 de abril de 2024, froito dun compromiso político iniciado en 2015. Non só traballamos as persoas que formabamos parte do Goberno municipal daquela, senón tamén outros concelleiros e concelleiras que impulsaron a creación da entidade, como Quique Costas, Chus Boo ou Pilar Candocia. Tamén quero lembrar a José Miñones, que como alcalde deu os primeiros pasos neste proxecto”.
Blas García destacou o valor humano da empresa: “O maior activo da EPEL é o seu persoal. Grazas á subrogación do persoal da concesionaria anterior, puidemos comezar cun equipo con experiencia e coñecemento da rede, o que facilitou enormemente o proceso”.
Mirando cara ao futuro
Entre os principais retos, Blas García subliñou a mellora da ETAP de Lens, que actualmente só funciona ao 30% da súa capacidade. O obxectivo é que poida abastecer O Milladoiro, o que require un investimento superior aos dous millóns de euros. “Na actualidade seguimos comprando auga a Santiago de Compostela por un custo anual próximo aos 400.000 €. Se logramos financiamento, poderemos investir ese aforro en levar auga desde Lens ao Milladoiro”.
Outro obxectivo é ampliar o abastecemento no rural e completar o saneamento nas parroquias de Piñeiro e parte de Tapia. Tamén se avanza na dixitalización e mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga, grazas a unha axuda de 1.131.309,77 € concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Finalmente, Blas García recordou o compromiso coa ampliación da EDAR de Sisalde, para a cal se solicitará a declaración de interese xeral do Estado e o financiamento correspondente.
Noticias relacionadas
Arquivada en:




