Novas
Augas de Ames xunto co Concello de Ames lanza unha nova edición da campaña “Cada gota conta” para promover o uso responsable da auga
Augas de Ames xunto co Concello de Ames lanza unha nova edición da campaña “Cada gota conta” para promover o uso responsable da auga
O incremento das temperaturas e do consumo de auga propio do verán motivan o chamamento á responsabilidade colectiva para garantir o abastecemento e evitar posibles restricións no futuro
O incremento das temperaturas e do consumo de auga propio do verán motivan o chamamento á responsabilidade colectiva para garantir o abastecemento e evitar posibles restricións no futuro
26/06/2026
Augas de Ames EPEL, como empresa pública municipal de auga, xunto co Concello de Ames pon en marcha un verán máis a campaña “Cada gota conta”, unha iniciativa de sensibilización que ten como obxectivo fomentar un uso responsable e consciente da auga durante os meses estivais.
Nos últimos días, Augas de Ames EPEL, encargada da xestión do servizo de abastecemento no municipio, detectou un aumento notable do consumo de auga, especialmente derivado de usos non esenciais como o rego de xardíns e zonas verdes, o enchido de piscinas ou outras actividades similares.
Ante este contexto e as previsións de continuidade das altas temperaturas nas próximas semanas, desde o Concello de Ames e Augas de Ames faise un chamamento á colaboración da veciñanza para extremar a responsabilidade no uso deste recurso esencial, co fin de garantir o abastecemento para toda a poboación e evitar a necesidade de adoptar medidas restritivas.
O alcalde de Ames e presidente de Augas de Ames EPEL, Blas García, lembra que “o uso responsable da auga é unha obriga compartida. Cada verán incrementa a demanda deste recurso esencial, polo que facemos un chamamento á veciñanza para que adopte pequenos hábitos de aforro que, sumados, teñen un grande impacto”. Por outra banda alerta de que se está a notar “un descenso importante do nivel da auga na captación no río Tambre, o que representa unha preocupación para o Goberno, xa que neste mes de xuño estamos en niveis de agosto de anos anteriores”.
Pola súa banda, a xerente de Augas de Ames, Genma Otero, sinala que “coa campaña 'Cada gota conta' queremos concienciar e previr, para garantir o abastecemento para todos e todas sen necesidade de adoptar medidas restritivas”.
Desde o Concello de Ames agradécese a colaboración da veciñanza e lémbrase que pequenos xestos individuais teñen un impacto colectivo decisivo, especialmente nun contexto de maior presión sobre os recursos hídricos e de incremento das temperaturas durante a época estival.
Arquivada en:
Comunicacións > Novas
MATERIAIS RELACIONADOS



